Logo Eleccións 2020
Logo da Xunta de Galicia

Voto das persoas electoras temporalmente no estranxeiro

ESTE PROCEDEMENTO DE VOTO PODERÍA SUFRIR MODIFICACIÓNS NOS PRÓXIMOS DÍAS POR CAUSA DA INTRODUCIÓN DE MEDIDAS DE SEGURIDADE E HIXIENE DERIVADAS DA SITUACIÓN DE CRISE SANITARIA

Electores/as

Deben reunir as seguintes características conxuntamente:

  • Estar censado/a en Galicia e residir temporalmente no exterior, polo que non poden exercer o voto presencial.
  • Non poder exercer o voto por correo porque os trámites deben ser realizados polo/a propio/a elector/a, persoalmente, nas oficinas de Correos do territorio nacional.
  • Non estar inscritos no Censo electoral de residentes ausentes (CERA) por non residir con carácter permanente no estranxeiro.
  • Figurar inscritos no Rexistro de Matrícula Consular como non residentes.

 

Instrucións de solicitude de voto dos/as electores/as temporalmente ausentes

Para realizar o voto por correo o elector ou electora debe:

  • Estar inscrito ou inscrita no Rexistro de Matrícula do Consulado como non residente. De non estalo, poderá facelo no mesmo momento no que recolla a citada solicitude ou cando vaia entregala.

O prazo para efectuar a solicitude é desde o día da publicación da convocatoria electoral até o vixésimo quinto día posterior á convocatoria de eleccións (do 19 de maio ao 13 de xuño).

Para entregar a solicitude hai que facer o seguinte:

  • Presentarse nas Oficinas Consulares ou Seccións Consulares das Embaixadas e entregar a solicitude enchida, dirixida á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, indicando o enderezo postal no que desexa recibir a documentación.
  • O consulado esixiralle ao elector ou electora a súa identificación mediante a exhibición do DNI ou pasaporte e verificará a súa inscrición no rexistro como “non residente” así como a coincidencia da firma que figura na solicitude co DNI ou pasaporte.
  • Seguidamente o consulado remitirá a solicitude de voto por correo á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente.

A continuación cítanse os pasos que hai que realizar para enviar a documentación electoral:

  • A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, unha vez recibida a solicitude, anotará no censo que o elector ou electora vai votar por este procedemento a fin de que non vote persoalmente, o día da votación, na mesa electoral.
  • A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral enviará a documentación por correo certificado e urxente ao domicilio do elector ou electora, no estranxeiro. En concreto recibirá:
    • Folla explicativa.
    • Certificado de inscrición no censo.
    • Papeletas e sobre de votación.
    • Sobre dirixido á mesa electoral.

O prazo para enviar a documentación electoral é a partir do día vixésimo oitavo posterior á convocatoria electoral (do 16 ao 22 de xuño).

Unha vez que o elector ou electora recibiu a documentación, introducirá no sobre dirixido á mesa electoral:

  • O certificado de inscrición no censo.
  • O sobre de votación coa papeleta elixida.
  • E, se así o desexa, o impreso enchido para a devolución dos gastos de franqueo polo envío do voto á mesa electoral.

Será indispensable para a validez do voto que conste claramente no sobre dirixido á mesa electoral un cuño ou outra inscrición oficial da Oficina de Correos do Estado que certifique o cumprimento do requisito do envío do voto tres días antes de ter lugar as eleccións, é dicir, antes do 9 de xullo.

Para máis información ver normativa. Descargar Real decreto 1621/2007, de 7 de decembro, polo que se regula un procedemento de votación específico para os cidadáns residentes temporais no estranxeiro (BOE nº 299, de 14 de decembro).

Utilizamos cookies para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, analizando a navegación no noso sitio web. Pode obter máis información pulsando aquí