Logo Eleccións 2020
Logo da Xunta de Galicia

Impedimentos e escusas

Os cargos de presidente e vogal das mesas electorais son obrigatorios, non podendo ser desempeñados por quen se presente como candidato.

A designación como presidente e vogal das mesas electorais debe ser notificada aos interesados no prazo de 3 días.

Nas eleccións do 12 de xullo de 2020, os designados dispoñen dun prazo de 7 días desde a notificación para alegar ante a xunta electoral de zona correspondente unha causa xustificada e documentada que lles impida a aceptación do cargo. As persoas maiores de 65 anos que fosen nomeadas poden renunciar no prazo de 7 días a partir da comunicación da notificación.

A xunta electoral de zona resolve as alegacións no prazo de 5 días. Contra esa resolución da xunta electoral de zona non cabe recurso vía administrativa electoral, sen prexuízo de calquera recurso xurisdicional que o interesado estime pertinente (Acordo da Xunta Electoral Central de 20 de abril, 19 de setembro e 3 de decembro de 2001). Por outra banda, o artigo 8.5 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa das impugnacións contra actos das xuntas electorais de zona.

Contémplase a posibilidade de recibir e enviar consultas e recursos por fax, sempre que ademais se envíe a documentación orixinal por correo ou por calquera outro medio que permita ter constancia da recepción polo/a interesado/a (Acordo da Xunta Electoral Central de 9 de febreiro de 2000).

A condición de persoa integrante dunha mesa electoral só se perde por escusa alegada pola persoa designada. Ningunha outra persoa ou institución poderá decidir o cambio desta condición.

Se posteriormente calquera dos designados non puidese acudir a desempeñar o seu cargo de membro de mesa, debe comunicalo á xunta electoral de zona polo menos 72 horas antes da xornada electoral, achegando as xustificacións pertinentes. Se a imposibilidade de acudir se produce despois deste prazo, o aviso á xunta electoral de zona deberá realizarse de maneira inmediata, e, en todo caso, antes da constitución da mesa electoral (8:00 horas do día da votación). Os suplentes tamén poden alegar escusas que lles impidan formar parte da mesa.

O cargo de membro de mesa non pode ser desempeñado por quen se presente como candidato, nin sequera aínda que o faga noutra circunscrición. Considérase causa xustificada o ter a condición de inelixible segundo o establecido no artigo 6 da Lei orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

A persoa designada pola Administración para recibir unha copia da acta de escrutinio a efectos de facilitar información provisional para os resultados electorais, non poderá compatibilizar esta función coa de membro de mesa.

O/a presidente/a e os/as vogais das mesas electorais, así como os/as respectivos/as suplentes, que deixen de concorrer a desempeñar as súas funcións, as abandonen sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigacións de escuso ou aviso previo, incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.

 

Utilizamos cookies para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, analizando a navegación no noso sitio web. Pode obter máis información pulsando aquí