Logo Eleccións 2020
Logo da Xunta de Galicia

Instrucións voto por correo

O PROCEDEMENTO DE VOTO POR CORREO PODERÍA SUFRIR MODIFICACIÓNS NOS PRÓXIMOS DÍAS POR CAUSA DA INTRODUCIÓN DE MEDIDAS DE SEGURIDADE E HIXIENE DERIVADAS DA SITUACIÓN DE CRISE SANITARIA


VOTO POR CORREO DE PERSONAS RESIDENTES EN ESPAÑA

Electores/as

A lexislación electoral prevé o voto por correo para aqueles/as electores/as que na data da votación teñan prevista a súa ausencia da localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto. Á súa vez tamén poden votar por correo quen, por enfermidade ou incapacidade física, non puidesen presentarse no lugar da votación. Para isto só é necesario que o solicite no momento oportuno e despois envíe o seu voto dentro do prazo, nas condicións e coa documentación que se lle facilita.

Unha vez feita a solicitude do voto por correo non se poderá votar persoalmente.

Procedemento

  • Encher unha solicitude de voto por correo:

A solicitude débese formular persoalmente polas electoras ou electores interesados, que deberán cumprimentar e asinar o impreso de solicitude do voto por correo que se atopa en todas as oficinas de Correos de España.  Tamén, pode vostede descargar o formulario e pode enchelo para a súa entrega en calquera Oficina de Correos.

  • Lugar de presentación:

A solicitude enchida e asinada deberá ser presentada persoalmente en calquera Oficina de Correos. O persoal funcionario de Correos encargado de recibila esixirá á persoa interesada a exhibición do seu documento acreditativo da identidade e comprobará a coincidencia da firma. En ningún caso se admitirá fotocopia deste.

  • Prazo para solicitar o voto por correo:

Pódese solicitar o voto por correo desde o 19 de maio ao 2 de xullo, ambos inclusive.

Con todo, se vostede pensa exercer o dereito ao voto por correo non espere a última hora. Formule a solicitude canto antes.

  • Realización do voto por correo

A Delegación da Oficina do Censo Electoral correspondente, enviará por correo certificado, entre os días 22 de xuño e 5 de xullo, ao domicilio indicado por vostede na solicitude do voto por correo coa documentación necesaria para exercer o voto:

    • Papeletas e sobres de votación.
    • O certificado de inscrición no censo.
    • Un sobre no que figurará a dirección da Mesa onde le correspondería votar.
    • Una folla explicativa.
  • Envío do voto por correo:

Recollida persoalmente esta documentación, o elector/a deberá escoller ou, no seu caso, encher a papeleta de voto, introducila no sobre de votación e pechalo. O dito sobre ou sobres votación introduciranse no sobre dirixido á mesa xunto con certificado do censo e remitirao por correo certificado en todo caso ata o 8 de xullo. Este sobre non necesita franqueo.

O Servizo de Correos conservará até o día da votación toda a correspondencia dirixida ás mesas electorais e trasladaraa ás devanditas mesas ás nove da mañá. Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse no devandito día, até as vinte horas deste. O Servizo de Correos levará un rexistro de toda a documentación recibida, que estará a disposición das Xuntas Electorais. Os sobres recibidos despois das vinte horas do día fixado para a votación remitiranse á xunta electoral de zona.

 

VOTO DO ELECTORADO TEMPORALMENTE NO ESTRANXEIRO

Electores

Deben reunir as seguintes características conxuntamente:

  • Estar censado en Galicia e residir temporalmente no exterior, polo que non poden exercer o voto presencial.
  • Non poder exercer o voto por correo porque os trámites deben ser realizados polo/a propio/a elector/a, persoalmente, nas oficinas de Correos do territorio nacional.
  • Non estar inscritos no Censo electoral de residentes ausentes (CERA) por non residir con carácter permanente no estranxeiro.
  • Figurar inscritos no Rexistro de Matrícula Consular como non residentes.

 

Instrucións de solicitude de voto dos/as electores/as temporalmente ausentes

Para realizar o voto por correo o elector ou electora debe:

  • Estar rexistrado ou rexistrada no Rexistro de Matrícula do Consulado como non residente. De non estalo, poderá facelo no mesmo momento no que recolla a citada solicitude ou cando vaia entregala.

O prazo para efectuar a solicitude é desde o día da publicación da convocatoria electoral até o vixésimo quinto día posterior á convocatoria de eleccións (do 19 de maio ao 13 de xuño).

Para entregar a solicitude hai que facer o seguinte:

  • Presentarse nas Oficinas Consulares ou Seccións Consulares das Embaixadas e entregar a solicitude enchida, dirixida á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, indicando o enderezo postal no que desexa recibir a documentación.
  • O consulado esixiralle ao elector ou electora a súa identificación mediante a exhibición do DNI ou pasaporte e verificará a súa inscrición no rexistro como “non residente” así como a coincidencia da firma que figura na solicitude co DNI ou pasaporte.
  • Seguidamente o consulado remitirá a solicitude de voto por correo á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente.

A continuación cítanse os pasos que hai que realizar para enviar a documentación electoral:

  • A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, unha vez recibida a solicitude, anotará no censo que o elector ou electora van votar por este procedemento a fin de que non vote persoalmente, o día da votación, na mesa electoral.
  • A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral enviará a documentación por correo certificado e urxente ao domicilio do elector ou electora, no estranxeiro. En concreto recibirá:
    • Folla explicativa.
    • Certificado de inscrición no censo.
    • Papeletas e sobre de votación.
    • Sobre dirixido á mesa electoral.

O prazo para enviar a documentación electoral é a partir do día vixésimo oitavo posterior á convocatoria electoral (do 16 ao 22 de xuño).

Unha vez que o elector ou electora recibiu a documentación, introducirá no sobre dirixido á mesa electoral:

  • O certificado de inscrición no censo.
  • O sobre de votación coa papeleta elixida.
  • E, se así o desexa, o impreso enchido para a devolución dos gastos de franqueo polo envío do voto á mesa electoral.

Será indispensable para a validez do voto que conste claramente no sobre dirixido á mesa electoral un cuño ou outra inscrición oficial da Oficina de Correos do Estado que certifique o cumprimento do requisito do envío do voto tres días antes de ter lugar as eleccións, é dicir, antes do 9 de xullo.


VOTO DO ELECTORADO DOS RESIDENTES PERMANENTEMENTE NO ESTRANXEIRO

Electores

Poderán votar desde o estranxeiro os/as electores/as inscritos a día 1 de marzo de 2020 no Censo de residentes ausentes que vivan no estranxeiro de forma permanente.

Procedemento:

Encher o impreso oficial de solicitude do voto. Este impreso dirixido á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral (DPOCE) pódese obter:

  • Cando a DPOCE o remita ao seu domicilio no estranxeiro.

Unha vez enchido o devandito impreso achegarase a este,  fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) ou pasaporte ou, na súa falta, certificación de nacionalidade ou de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular expedidos polo Consulado de España no seu país. A dita solicitude enviaraa por fax, por correo ou vía internet á DPOCE correspondente ata o 13 de xuño, procurando facelo canto antes. En relación co envío da citada solicitude por internet o procedemento de envío explícase na Resolución da OCE de 9 de marzo de 2015.

Recibida a citada solicitude na DPOCE, esta remitiralle por correo certificado, ata o 22 de xuño (naquelas provincias onde se impugnou algunha candidatura o prazo amplíase ate o 30 de xuño) ao domicilio da cidade que figure no Censo electoral de residentes ausentes no estranxeiro (CERA):

  • As papeletas e o sobre de votación
  • 2 certificados idénticos de inscrición do electorado no CERA
  • Un sobre co enderezo da Xunta Electoral correspondente que realizará o escrutinio.
  • Un sobre co enderezo da Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática da que estean inscritos.

Unha vez recibida a documentación, os/as electores/as teñen dúas posibilidades para exercer o seu dereito a voto.

  • Por correo, remitindo o sobre dirixido á Xunta Electoral competente para o seu escrutinio, por correo certificado e non máis tarde do día 16 de outubro.
  • Depositando o seu voto en urna, entregando persoalmente os sobres na Oficina Consular na que están inscritos, o prazo para realizar o voto será entre o 8 e o 10 de xullo, ambos  incluídos.

En ambos os supostos será indispensable para a validez destes votos que conste claramente no sobre remitido á Xunta Electoral Provincial un cuño ou outra inscrición oficial da Oficina de Correos do Estado que certifique, de modo indubidable,  o cumprimento do requisito temporal.

Tamén é requisito indispensable, que no sobre que se remite á Xunta Electoral Provincial, se engada unha fotocopia do pasaporte ou do documento nacional de identidade (DNI), expedidos polas autoridades españolas, ou na súa falta, unha certificación de nacionalidade expedida polo Consulado de España no país de residencia.

O día do escrutinio xeral, e antes de que se faga, a Xunta Electoral competente correspondente constitúese en mesa electoral, ás oito horas da mañá, cos/as interventores/as que para tal efecto designen as candidaturas concorrentes.

A continuación, o seu presidente/a procederá a introducir na urna ou urnas os sobres de votación dos residentes ausentes recibidos até ese día, e o/a secretario/a anota os nomes dos/as votantes na correspondente lista. Acto seguido, a Xunta escruta todos estes votos e incorpora os resultados ao escrutinio xeral.

 

Utilizamos cookies para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, analizando a navegación no noso sitio web. Pode obter máis información pulsando aquí